Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Brión homenaxea ao alumnado do IES Brión polos seus trunfos nos concursos de robótica Sensores para todos e OSHWDem 2015


García destaca a boa formación e o traballo realizado polos alumnos, que foron quen de “fabricar robots e gañar campionatos competindo con institutos de cidades con máis estudantes que habitantes ten Brión”

O alcalde de Brión, José Luís García, e a concelleira de Ensino, Iolanda Bouzas, recibiron esta mañá no salón de plenos a 22 rapazas e rapaces de 1º de Bacharelato e 4º da ESO do IES Brión, que veñen de gañar dous prestixiosos concursos de robótica nos últimos tres meses. “Como sigades así, o Val da Amaía pronto lle vai facer a competencia ao Sillicon Valley”, bromeou García.

O alcalde brionés felicitou aos rapaces e rapazas por “facer realidade un dos desexos tanto deste alcalde como dos directores do voso centro: dar a coñecer o enorme talento que hai en Brión. Xa perdín a conta dos premios extraordinarios de Bacharelato que suma o IES Brión; os rapaces e rapazas da Radio EmBrión van camiño de saír no EGM; o grupo de teatro triunfa onde vai; e agora os alumnos de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico vos poñedes a fabricar robots e gañar campionatos competindo con institutos de cidades con máis estudantes que habitantes ten Brión”.

Aplicacións dos robots

José Luís García destacou que estes éxitos son posibles grazas á boa formación que se imparte no IES brionés, “e iso hai que agradecerllo especialmente a todo o equipo educativo do instituto, pero tamén ao voso traballo porque só con coñecementos non se fai nada, tamén é precisa unha importante dose de esforzo e traballo pola vosa parte para sacar todo adiante”. Neste sentido, instou aos rapaces a seguir traballando para buscarlle aplicacións prácticas a estes traballo porque “nun mundo no que os drones están cada vez máis presentes, quen vos di que o voso robot que detecta zonas escuras non vaia ser utilizado para revisar o alumeado público?”.

Un punto no que incidiu Xabier Lorenzo, profesor de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico, quen agradeceu o apoio recibido dende o Concello e apuntou que “eu sempre lles insisto en que teñen que ter presenta a aplicación práctica do que fan, porque están aprendendo a facer cousas e despois poden chegar a desenvolver máis”. Pola súa banda, Luz Ramos, profesora de Tecnoloxía, agradeceu o apoio recibido para poder presentarse a estes concurso “e a algún outro que temos en mente”. O alcalde brionés insistiulles en que “se precisades de apoio para participar noutro certame, podedes contar con nós”.

Premios en robótica

O alumnado de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico de 1º de Bacharelato obtivo este mes de febreiro o primeiro premio do concurso “Sensores para todos”, organizado por Igaciencia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O traballo premiado consistía nun sensor localizador de zonas escuras que combina unha pequena cámara, unha placa Arduino, unha Raspberry Pi e diversos compoñentes electrónicos montados sobre unha estrutura traccionada con motores de continua. Un robot ideado, deseñado, construído e programado polos rapaces e rapazas do IES Brión.

Neste mesmo concurso, o alumnado de Tecnoloxía de 4º da ESO recibiu unha mención especial polo conxunto dos seus traballos: barra de leds, lámpada de cores, creatopads e new wave beep. As propostas presentadas regulan o comportamento de sensores e actuadores mediante o uso dunha placa Arduino e diversos programas escritos polo propio alumnado.

Tres meses antes, estes mesmos alumnos conseguiron catro dos seis premios en disputa na Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015, na modalidade “Segueliñas”, celebrado na Coruña. Nesa competición participaron catro equipos: tres de 4º da ESO na categoría “Renacuajo”, cuxos robots coparon as tres primeiras posicións; e un de 1º de Bacharelato, cuxo robot acabou 2º na categoría Xeral. Neste caso, os robots construídos tiñan que seguir o máis fielmente posible un percorrido marcado cunha liña de cor negra de 2 centímetros de ancho sobre un fondo branco e completamente liso. Gañan os robots que completan ese percorrido no menor tempo posible e sen saírse do trazado.